viernes, 16 de octubre de 2020

Cousas que sei

 


 

  Estase movendo a industria da miña intuición:


a nena que fun vai tres metros diante de min

tanguendo cunha vara a miña alma.


Estase precipitando a lentitude:


sobrevoo con paciencia

unha ave rapaz

ata que descendo a deixarme comer as vísceras.


Estáseme acabando de fabricar

seda artesanal

no ventre.


Están os meus soños organizando o comité da noite


Están as criaturas movendo as poleas do cometa

que pasa por onda nós cada mil anos.


Está a xeometría acomodándose para durmir

no teu último ángulo

todo o mundo sabe xa

que o meu corazón está feito polo patrón da maquinaria agrícola.


E podo 

arrancarme de min

tan suavemente

que apenas oirías que me marcho.


As miñas cicatrices falan 

coma un furacán mudo.


Saio ó perigo como á chuvia

escoltada polos meus órganos.


Todo isto sei

e sen embargo...


Olga Novo

No hay comentarios:

Publicar un comentario